"MÁIS ALÓ DO AZUL E DO ROSA"
"Máis aló do azul e do rosa. Como previr a desigualdade de xénero e a violencia machista desde a familia" e o título do libro que publiquei en novembro de 2016 coa Editorial Galaxia e que, un ano despois, xa ía pola súa terceira edición.
O feito é que malia todo o que se avanzou nos últimos anos en cuestión de igualdade entre homes e mulleres, queda aínda moito camiño por andar. E boa parte desa andaina ten que facerse dende o ámbito doméstico, dende as casas, dende a acción educativa das nais e dos pais. Non é un labor doado, porque os medios de comunicación, e tamén os de ocio (cine, videoxogos...) insisten en perpetuar unha imaxe estereotipada da muller, idealizando a súa beleza e cousificando a súa sexualidade. Mais dende o fogar podemos facer moito.
Nesta guía intento ofrecer dunha maneira sinxela e moi clara estratexias concretas para previr a desigualdade de xénero e a violencia machista dende a familia.
Agardo que este pequeno manual sexa de utilidade para nais e pais e educadores en xeral.